O vindeiro xoves, 30 de abril, é o día no que se celebra O PAMPALLÍN no noso concello dende antano. Unha das actividades, que antigamente realizaban os/as máis cativos/as, era a elaboración de aneis, pulseiras, colares e/ou coroas a base de pampillos (flor silvestre amarela da familia das margaridas), que poñen cor a leiras, hortas, arrós e/ou cunetas na nosa contorna rural, nesta época do ano.
O pasado curso decidimos tratar de recuperar esta tradición, que non deixa de ser un rito de orixe celta para darlle a benvida á primavera e pedir ao mesmo tempo boas colleitas. Afortunadamente, tivo moi boa acollida entre o alumnado e, a pesares de que houbera algún neno/a que non fora apañar/recoller pampillos, todos/as elaboraron os complementos xa citados no parágrafo anterior. Pois, colléranse pampillos abondos para poder compartir.
Agora, grazas a que o goberno permite que os nenos/as poidan saír durante unha hora ao día dos seus fogares pola contorna, gustaríame que aproveitases para realizar un pouco de exercicio físico ao aire libre, camiñando pola contorna dos vosos fogares á vez que recolledes uns poucos pampillos. Evidentemente, deben collerse na véspera ou no propio día para que non se marchiten. e coller só os que se vaian empregar. Recoméndovos que levedes unha caixa para metelos e unhas tesoiras para cortalos sen estropear, aínda que coas mans tamén se apañan ben.
Logo, na casa e tras lavar ben as mans, haberá que coller unha agulla das de coser lá (mellor de plástico) e un pouco fío de lá fina ou de ganchillo e coa agulla enfiada irán elaborándose os colares, as pulseiras, etc, coa axuda e/ou supervisión dalgún adulto.
Lembrade o ben que o pasaches o ano pasado no cole e este ano, dadas as circunstancias, animádevos a celebralo nos vosos fogares !!!.
E despois compartide a experiencia con nós cunha fotografía, na que aparezades collendo os pampillos, elaborando as pulseiras, os colares... ou con eles/as postos/as. Logo, subirémolas á paxina web e/ou a algún dos blogues. Pero, lembrade que se as enviades daremos por feito que contamos co voso permiso para subilas.
actividades.ceip.outes@gmail.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario