Emocións.


Neste intre, que nos tocou e toca vivir, debemos ter presentes as emocións máis ca nunca. Por isto, e porque nos contidos de EF están presentes a expresión e representación corporal, vouvos propor varias tarefas para traballalas. Coido, que sería interesante á vez que importante, que todos/as vós lles dedicases un tempo a cotío, como facedes coas tarefas doutras áreas. Tamén, engadirei que non estaría de máis que as tarefas deste bloque as puideses compartir coas  persoas que conviven con vós, Pois, falando, realizando os  comentarios oportunos, probablemente fagamos aflorar os sentimentos, as emocións, as sensacións que cadaquén leva dentro e das que tanto pode beneficiar falar...

Antes de nada, porei as imaxes dunhas caras expresando varias das emocións máis recoñecidas polo ser humano:










Gustaríame que as observases un anaquiño con atención e, de seguida, tratases de interiorizar cada  unha (pensar nelas en vós mesmos/as, como as expresarías, como vos sentirías ao tratar de imitar cada unha...).

E unha vez que lembramos xa algunhas das emocións básicas máis comúns, aí vos irán aparecendo varias actividades:
  1. Busca polo fogar revistas vellas, xornais usados, folletos publicitarios e, a continuación, recorta as caras e sepáraas/clasifícaas en función da emoción que representen. Empezaremos empregando a felicidade/ledicia, a sorpresa, o enfado/cólera, o amor, a tristeza, o medo, a vergoña, aversión/desprezo.
  2. Agora proporeivos un novo xogo de emocións e mímica, denominado "Mimica de emocións"Entón, prepararanse nove tarxetas (con debuxos realizados por vós en anacos de cartolina ou cartón do mesmo tamaño ou con fotocopias das imaxes das principais emocións que aparecen máis arriba). Logo, colocaranse as tarxetas feitas  boca abaixo e mesturaranse para empezar a xogar. A continuación, botaranse as sortes para ver quen empeza a xogar. Entón, o/a neno/a ao que lle tocara empezar, collerá unha das tarxetas e, sen que lle vexan, lerá o que pon e empezará a imitar a emoción que aparecese na tarxeta.Cando un neno/a ou adulto/a dos/as que están xogando, adiviñe de que emoción se trata, logrará un punto e será o/a seguinte en coller outra tarxeta... Seguirán deste xeito deica rematar as tarxetas e, coma case sempre, gañará que máis puntos acadase. Se a alguén lle dese reparo representar a emoción, podería optar por narrar unha situación na que se dese esa emoción, pero sen nomeala. Tamén se podería ir rotando e xogar nunhas ocasións dun xeito e noutras do outro.
  3. Tamén poderedes levar á práctica un xogo de empatía para aprender a porvos no lugar do  outro/a. O xogo que vos propoño agora chámase "Eu son ti" e consistirá en elaborar un número de tarxetas de cartón ou cartolina determinado (da mesma forma, cor e tamaño), para empezar dez será un número axeitado. Logo, en cada tarxeta escribirase unha pregunta coma por exemplo:   Cor preferida?.  Deporte favorito?. Con quen lle gustaría sentar na clase?. Película favorita?. Comida preferida?. Comida detestada?. As dúas prendas que máis lle gustan?. Detesta a chuvia?. Gústalle a praia?. Encántalle viaxar?, etc. Logo, colócanse boca abaixo e vanse collendo por quendas (unha a unha) e respondendo no lugar da outra persoa, poñéndose no seu pelexo, tratarase de comprobar quen coñece máis ao outro/a. É, evidente, que gañará quen mellor o faga e responda de xeito correcto máis preguntas das tarxetas.
*Recoméndovos recortar os debuxos que realicedes ou as fotocopias e pegalas en cartóns para ter unhas tarxetas máis duradeiras ou ben impregnar as tarxetas de cartolina con verniz ou alquil (do que se emprega para darlle aos puzzles por riba).

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Benvidos e benvidas

Aquí está o blogue de Educación Física do CEIP Plurilingüe de Outes. Esta vai ser a plataforma, que empregarei para enviarvos algunha propos...