Tipos de percepción. Algúns xogos de cada.

A percepción vén a ser a acción e efecto de percibir a través dos sentidos ou por medio da intelixencia.

Se nos circunscribimos ao mundo da EF podemos falar de catro tipos de percepción:

  1. Percepción corporal. Trátase da interpretación que cadaquén fai da imaxe corporal e das posibilidades do propio corpo.
          Para traballar a percepción corporal hai múltiples xogos e indicareivos uns cantos:
  • Cóllese un globo e ínflase (unha pelota rítmica ou un balón, no caso de dispor dun espazo amplo ou noutra situación na que se puidese estar nun xardín, nunha eira, etc)  e dánse toques coa parte do corpo que quen faga de "mestre/a" vaia indicando. Logo, cambiaríase o roll e quen lograse tocar co globo máis partes do corpo levaría un punto. 
  • Baile de estatuas .Bailaríase con música de fondo movendo só a parte do corpo indicada pola "mestre/a" e, ao parar a música, a persoa/s que bailaba/n quedará/n coma unha estatua . Levará un punto quen faga a estatua máis difícil de imitar.    
  • A roda humana. Permanecerase sentados/as no chan, uns/has a carón dos/as outros/as, formando unha roda (no caso de ser varias persoas). Logo, o/a "mestre/a" irá dicindo distintas partes do corpo e dereita ou esquerda. Entón os/as que están sentados/as deberán tocar esa parte do corpo do compañeiro/a correspondente, segundo se dixese dereita ou esquerda. Se alguén se confundise levaría un punto e ao rematar de xogar, perdería quen tivese máis puntos. Sería convinte que se fose cambiando de papel para que todos/as formasen parte da roda e non estivese sempre a  mesma  persoa de "mestre/a".
          Neste xogo, no caso de ser poucos/as xogadores/as, poderían  facerse variantes e colocarse                  un/ha en fronte do/a outro/a, formando triángulos...  
  1. Percepción espacial. É a capacidade  do ser humano para ser consciente da súa relación coa contorna no espazo que o rodea e de si mesmo. 
          Para mellorar e reforzar a percepción espacial tamén existen moitos xogos e indicarei algún:
  • Nocións topolóxicas. Un/ha  xogador/a fará de "mestre/a" e irá dicindo os nomes das nocións topolóxicas (enriba/ debaixo, dentro/fóra, preto/lonxe, dereita/esquerda) con respecto a obxectos e/ou persoas colocados/as no espazo. A persoa que tardase máis en chegar ao punto indicado levaría un punto e, ao final, vencería quen tivese menos puntos no seu poder.    
  • Estatuas humanas numeradas. Faranse parellas (no caso de contar cuns/has cantos/as xogadores/as) e cada membro levara un número (un e dous). Logo, quen desempeñe o papel de "mestre/a" dirá o número que desexe, por exemplo o un, e nese intre os/as nenos/as que teñan ese número permanecerán coma estatuas polo espazo empregado. Namentras, os/as que teñen o número dous moveranse libremente polo espazo ata escoitar: enriba/ debaixo, dentro/fóra, preto/lonxe, dereita/esquerda, acompañados/as de nomes de partes do corpo e/ou obxectos que se atopen no espazo. Entón, os/as números dous deberán facer o que lles indique o/a "mestre/a", por exemplo "Orella dereita". Neste caso, cada número dous tería que achegarse á súa parella e tocarlle a parte indicada. Aínda que, tamén podería ter que achegarse, alonxarse, etc, segundo se lles vaia indicando. Pasado un tempo, deberían cambiar os roles para que todos/as experimentasen o xogo dende ambos lados.
  1. Percepción temporal. Capacidade de situar feitos, obxectos, pensamentos dentro dunha serie sucesiva.
         Neste apartado tamén hai xogos que contribúen a mellorar e/ou reforzar este aspecto:  
  • Cun pandeiro e unha baqueta (serve unha lata e unha culler) unha persoa (neno/a, adulto/a)  fará de "mestre/a" e irá marcando ritmos moi lentos, lentos, rápidos ou moi rápidos e, segundo sexan, así deberán moverse os/as participantes desprazándose polo espazo no que se atopen. 
  • Os catro currunchos. Neste caso, precísanse cinco persoas , das que catro se colocarían en cada un dos currunchos e o/a quinto/a no medio. Logo, alguén se tería que encargar de dicir"cambio" e sería nese intre cando todos/as tivesen que desprazarse buscando unha nova casa (o curruncho), sen poder retornar ao lugar de orixe. Quen non o lograse iría ao medio e levaría un punto. Ao rematar o xogo, a persoa con maior puntuación sería a que perdese.
          Evidentemente, se non se conta cun espazo amplo, a emoción do xogo verase reducida.
  1. Percepción espazo-temporal. Capacidade que permite seleccionar e analizar información, permitindo tomar decisións correctas no cálculo do espazo e do tempo.  
         Para este apartado, claro está, que tamén existen xogos cos que melloralo e vou redactar o que             máis vos gusta e demandades no cole:
  • Terra, mar e aire. Os/as xogadores/as colocaranse sobre unha liña (servirán as xuntas de varias plaquetas ou poderá pintarse unha no chan cun anaco de xiz, con cinta de pintor...). Logo, cada xogador/a colocarase sobre dita liña e quen faga de "mestre/a" dirá "Terra" (tendo que permanecer sobre a propia liña sen levantar os  pés do chan), "Mar" (deberán dar un pincho cara atrás) e/ou "Aire". Cando un/ha xogador/a se equivoque, sairá do xogo á espera de que vaian saindo todos/as eliminados/as ata que quede só un/ha xogador/a, que será o/a gañador/a. Tamén se pode realizar, sen que saia ninguén, e sumando un punto por cada erro. Deste xeito, ao dar por rematado o xogo, gañaría quen tivese menos puntos (porque sería a persoa con menos erros). Para este xogo, afortunadamente, precísase moi pouco espazo, polo que podería ser moi útil nestes días.   
  • O reloxo. Os/as participantes colocaríanse coma as horas dun reloxo analóxico (de seren poucos/as xogadores/as estarían no sitio das doce, as tres, as seis e as nove horas ou o que é o mesmo en punto, e cuarto, e media e menos cuarto ou incluso ocupando menos lugares), agás un/ha que se convertiría na agulla e, co tronco flexionado cara adiante, movería unha corda no sentido das agullas do reloxo, pero a carón do chan deica que alguén pisase a corda. Entón ambos /as xogadores/as cambiarían de papel.
  • A roda do tempo. Os/as xogadores/as permanecerán de pé, formando unha roda, en libre disposición, etc. Logo, quen faga de "mestre/a" dirá un número (que se corresponderá con segundos) e cando cadaquén considere oportuno sentarase sen facer ruído, para evitar darlle pistas ou confundir ao resto. por suposto, que acerte ou máis se achegue logrará un punto e, neste caso, ao rematar gañará quen lograse menos. Sería convinte que todos/as fixesen de "mestres/as". Pois, deste xeito, todos/as poderán vivir a experiencia dende ambos lados.  
 Agardo que levedes á práctica, polo menos algún destes xogos, e que sexades capaces de involucrar ás persoas que vos rodean.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Benvidos e benvidas

Aquí está o blogue de Educación Física do CEIP Plurilingüe de Outes. Esta vai ser a plataforma, que empregarei para enviarvos algunha propos...