Os puntos que abordar de forma obrigada serían os seguintes:
- Nome do xogo.
- Idade axeitada.
- Época do ano.
- Número de participantes.
- Espazo.
- Material preciso.
- Regras.
- Descrición do xogo.
- Aspectos traballados vencellados coa área de EF.
- Debuxo do xogo.
De todos modos, se considerases oportuno engadir algo máis, non o dubides.
A continuación vou redactar un xogo que, especialmente nos primeiros cursos de Primaria, traballamos habitualmente na clase, "A CORDA" seguindo cada un dos puntos indicados con antelación, para que o poidades tomar de exemplo.
1. Nome do xogo: a corda.
2. Idade axeitada: dos seis aos doce é cando máis se acostuma a xogar/saltar á corda. Aínda que, evidentemente, dende que se aprende a saltar pode seguirse facendo ata que se queira.
3. Época do ano: calquera época é boa, sempre e cando non chova ou se conte cun espazo no que poder facelo a cuberto.
4. Número de participantes: unha persoa (si se quere saltar a nivel individual) ou varias, arredor de dez, estaría ben (cando se quere xogar a que dous/úas nenos/as dean e o resto salte deica que alguén perda), porque se son demasiados corren o risco de aburrirse os que agardan para entrar.
5. Espazo: o ideal é contar cunha superficie chan e, a poder ser, sen pedras. Os terreos de terra pisada, de herba curta, cemento pulido son ideais para esta actividade.
6. Material preciso: unha corda e os propios corpos dos/as que van dar e/ou saltar.
7. Regras:
- Os/as que dán deben porse de acordo para empezar e sempre se dará cara ao lado polo que entran os/as nenos/as que xogan.
- Para empezar a xogar, normalmente, bótase a sortes. Pero, logo apandaría/daría o/a neno/a que pisase a corda, non fose capaz de entrar sen perder comba (se antes de empezar quedasen niso) ou cometese outro erro.
- Non se debe empurrar ao que vai diante.
- Todos/as deberían cantar as canción empregadas (porque se non se coñecen ben é a maneira de facelo e, se a sabes, mantes mellor a atención e é máis doado non perder o ritmo.
8. Descrición do xogo:
- Pódese xogar/saltar á corda a nivel individual. Neste caso, é o/a propio/a neno/a quen debe dar e saltar á vez. Hai diversas maneiras de saltar e as máis comúns son as que de seguida indicarei: saltando cos dous pés á vez, saltando á pata-coxa, saltando de forma alterna cun e outro pé, saltando en forma de trote.
- Por parellas.Un dos/as nenos/as dá e salta e o/a outro/a só salta, pero ambos/as a un tempo e de maneira coordinada.
- De tres en adiante. Dúas persoas dán e a/s outra/s van saltando, normalmente, deica que o/a que salta perda. De ser así, a persoa que perdeu ocupa o lugar dun/ha dos/as que daba e viceversa e continúan xogando.
9. Aspectos traballados vencellados coa EF: coordinación dinámica xeral, percepción espacial, percepción temporal, percepción espazo-temporal, equilibrio, lateralidade, ritmo, resistencia.
10. Debuxo.
*Neste xogo en concreto hai múltiples cancións coas que se pode xogar. Estaría ben escribir algunha (no caso de que este fose un dos xogos sobre o que o/a neno/a decidise investigar e recoller información). Poden ser: "Rei, rei", "Pun, pun. ¿ Quién es?.", "Al pasar la barca", etc
Por suposto, o ideal, tras realizar a recolleita dos datos dos que vimos falando, sería levar o xogo á práctica e comprobar de primeira man como resulta.
A partires de agora, irei propoñéndovos outros xogos populares e tradicionais da cultura galega, moi coñecidos para a maioría e que se poidan levar a cabo, tanto dentro das propias vivendas coma no exterior e tendo tamén en conta que sexa doado facerse co material preciso para poder levalos á práctica.
Entón, o seguinte xogo do que vos vou falar, será o dos "Bólos".
Para levalo á práctica, o número de xogadores/as máis axeitado sería o de tres ou catro, aínda que por suposto o número podería variar.
En canto ao espazo, dicir que debe ser unha superficie chan e, aínda que se facemos referencia á distancia á que colocar os bólos, falariamos de entre tres a cinco metros (dependendo un pouco da idade e da habilidade dos xogadores/as), se a facemos ao ancho, cun metro xa nos apañariamos (só o necesario para realizar os lanzamentos con comodidade).
No que ao material se refire, precisariamos seis bólos (servirían seis botellas grandes de iogur líquido, de leite, ou algo semellante, recheas con algo de auga, serrín, grava, etc, aínda que sen ser de todo, tan só para evitar que caian co mero roce, sen darlles ben). Logo, para colocalos, poríase un diante, dous xusto detrás e os tres restantes ao final (formando a figura dun triángulo equilátero, lémbrovos que é o dos tres lados iguais) e, claro está, unha pelota ou balón pequenos (rítmica ou de iniciación ao balonmán) sería o ideal... Aínda que, por suposto, poderiamos empregar outros balóns ou pelotas de non contar cos primeiros.
Como sabemos, para xogar aos bólos soemos empregar a man dominante (a que mellor se nos dá), traballando a coordinación óculo-manual, a percepción espacial e a lateralidade, primordialmente. Pero, dado que estou facéndovos propostas no blogue de EF, vou aproveitar para citarvos outra posibilidade e que, como vós sabedes, traballamos no cole... Seguramente, xa vos decatarías que estou pensando en xogar aos bólos, aínda que empregando o pé dominante (o que mellor se dá). Neste caso, traballariamos a coordinación visomotriz, a percepción espacial e, como non, a lateralidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario